Monday 13 de May de 2024

As parroquias de San Sadurniño achegan medio cento de propostas para os orzamentos do ano que vén


A mesa veciñal do orzamento participativo reuniuse na tarde do venres para repasar o conxunto de propostas recollidas nas asembleas que se desenvolveron polo territorio nas últimas dúas semanas. O obxectivo da xuntanza -á que asistiron 14 persoas en representación das sete parroquias de San Sadurniño- foi o de repasar todas as ideas e marcar prioridades atendendo a tres criterios básicos: que as actuacións propostas sexan factibles, que poidan ser asumidas polo Concello e que destas se beneficie a maior parte da poboación.

O cometido da asemblea final do orzamento participativo é, ademais, o de que se poñan en común as peticións de cada parte do territorio para que, tamén en común e de forma consensuada, se decida cales pasarán formar parte do documento final de propostas para 2017.

Cómpre ter en conta que nas xuntanzas parroquiais -nas que participaron arredor de 60 persoas- se expuxeron máis de medio cento de ideas, unhas con actuacións concretas e cuantificables, outras con propostas máis xenéricas e algunhas -as menos- que plantexan dificultades orzamentarias ou organizativas ás que o Concello non pode facerlles fronte de inmediato.

As máis delas (arredor de 30) centráronse en demandas referidas ao mantemento viario, con novos asfaltados, a mellora da sinalización, limpeza de cunetas, rebacheos ou coa ampliación do número de sendas peonís. Neste sentido o Concello adiantou nas propias asembleas que de cara a 2017 se incluirán no orzamento partidas para o acondicionamento de pistas e que, ademais, tamén se levará adiante un proxecto financiado pola Xunta -denominado APROL Rural- co obxecto de limpar gabias en profundidade retirando delas vexetación e sedimentos acumulados.

O proxecto desenvolverase durante seis meses en colaboración co Concello de Moeche e contempla a contratación de dúas persoas para conducir o camión e a escavadora municipais. A semana pasada solicitoúselle ao Servizo Público de Emprego de Galicia o envío dunha relación de candidatos e candidatas en situación de desemprego que se axusten a estes perfís profesionais para proceder á selección nos próximos días e comezar cos traballos o antes posible.

En relación co arranxo das estradas municipais, o Concello tamén valora a posibilidade de contratar no ano que entra unha empresa que se encargue do mantemento das pistas, de maneira que os pequenos labores de conservación -rebacheos principalmente- se poidan facer de inmediato. Deste xeito ampliaríase a vida útil das vías municipais e acurtaríanse os tempos de resposta cando aparece algún burato no firme. Por outra banda, ter contratado un equipo legoeiro tamén evitaría ter que deseñar grandes proxectos -e agardar a que se adxudiquen- para solventar problemas puntuais doados de arranxar.

Outro grande bloque de peticións veciñais refírese á conservación patrimonial e de zonas verdes, así como a mellora de equipamentos municipais. É o caso do peche perimetral da pista polideportiva de Lamas, da reparación do chan do primeiro andar do local veciñal de Santa Mariña -onde tamén se solicitou a instalación dun parque biosaudable- ou a construción dun cobertizo no acceso ao local social de Bardaos. Neste mesmo apartado tamén se inclúen as solicitudes de colocar bases para colectores do lixo nalgúns puntos do concello, a ampliación da recollida porta por porta e mesmo a creación de novas áreas de descanso ou a instalación de bancos e equipamentos de xogo infantil nos xardíns municipais.

No tocante ao mantemento de zonas verdes o Concello tamén comunicou que nestes momentos se están preparando os pregos técnicos e administrativos para contratar este servizo no que, ademais dos xardíns e áreas de lecer -arboredo, paseo do Xubia, sendeiros e zonas recreativas das parroquias-, tamén se incluirán outros puntos como o contorno dos lavadoiros.

Por último, xunto coas propostas de infraestruturas, tamén houbo outras relativas ao desenvolvemento socioeconómico do municipio. En concreto dúas: a proposta xurdida en Lamas ao respecto de que se organice un campionato interparroquial de xogos tradicionais e a que se propuxo en Naraío para que se estude a posibilidade de acondicionar algún recinto municipal como sala de transformación de produtos primarios para a súa utilización comunitaria.

Na xuntanza do venres á tarde participaron 14 persoas en representación das sete parroquias do municipio que se ocuparon de discutir o total de ideas recollidas nas asembleas veciñais e extractar aquelas máis prioritarias que o Concello poida levar adiante con recursos propios ou mediante programas doutras administracións. O documento que resume as actuacións propostas para 2017 estará dispoñible na web entre hoxe e mañá.

Consello de participación veciñal
Do resultado do proceso do orzamento participativo deste ano falarase tamén o xoves a partir das 20.00h. no salón de plenos, dentro da reunión do Consello de Participación veciñal convocado polo Concello. Deste organismo forman parte as entidades veciñais, culturais e deportivas do municipio, ademais do goberno local e os grupos con representación municipal.

A orde do día ten como primeiro punto a valoración das asembleas veciñais e despois abordará a revisión das bases que rexerán as subvencións para o tecido social e deportivo do ano que vén. Na convocatoria tamén se reserva un apartado para volver falar da información sobre a tramitación do PXOM, que agarda pola chegada dos informes de Augas de Galicia e de Patrimonio para darlle resposta ás algo máis de 400 alegacións presentadas pola veciñanza. Tal e como informou a alcaldía no último pleno municipal -en resposta a unha pregunta formulada polo PP- as previsións municipais apuntan a que o proceso estea completado no que queda de 2016 e o primeiro trimestre de 2017 se non se producen demoras na recepción dos dous informes pendentes de recibir da Xunta.